Avda. das Teixugueiras 11, oficina 9b

36212 Vigo (Pontevedra—Galicia)

Telf.: 688 936 213

Contacto Quenes somos

O barrio de Navia nace a partir do proxecto de ampliación urbanistica de hai mais de vinte e cinco anos e os seus primeiros habitantes chegan dende hai mais de dez.

Consistiu na transformación dunha pequena parroquia rural de 1.500 habitantes noutra urbá de mas de 8.000, dos que consta actualmente, por medio da creación de vivendas de proteccion oficial, autonómica e protexida, chegando a ser o barrio de maior tamaño destas caracteristicas de toda España.

Este feito é a causa de que o 98% da poboación sexan traballadores e os seus fillos e fillas, esto é, só o 2% da poboación vive dunha pensión.

A pesar das evidentes necesidades que unha mínima previsión polo aumento e rexuvenecemento da poboación, contamos actualmente coas mesmas instalacións e recursos de hai dez anos, chegando o caso de que no só non aumentaron os recursos sociais, senón que mesmo teñen disminuído.

Particularmente sangrante é o caso das instalacións educativas, xa que o barrio a día de hoxe só conta cunha pequena escola de educación primaria deseñada para 150 nenos (unha clase por curso de educación primaria). Os colexios e institutos das zonas veciñas non aumentaron as súas prazas senón que coa conversión do Celso Emilio Ferreiro nun centro de Educación Primaria (antes disponía dos cursos dende infantil ata secundaria) e que as solicitudes de prazas para educación secundaria téñense case duplicado pasando de 300 ata 500 non creceron as prazas reais nas aulas ou o número de mestres e mestras. Estoé, ten aumentado espectacularmente o ratio profesor/alumno.

A isto hai que sumar que os nenos e nenas do barrio de Navia, ao non acudir ao centro que lles corresponde pola zona, teñen menos vantaxes nas prazas de comedor e outras becas. Mesmo non teñen dereito a un autobús escolar por vivir a menos dun quilómetro dos seus centros, a pesares de que para chegar a eles teñan que atravesar unha autovía e unha rúa que non dispón a día de hoxe nin sequera de beirarrúas.

Como nova instalación o barrio conta unicamente cun centro de saúde aberto en primeira instancia en precario, sen licencia municipal, e que só abre polas mañás, co que iso supón para un barrio de traballadores. Isto é, que o converte en inútil. A pesar de estar preparado para acoller a máis de 40 profesionais, conta na actualidade con cinco médicos de cabeceira e tres pediatras e a Xunta négase a abrilo polas tardes por consideralo “demasiado caro” (sic). A promesa electoral de abrir este centro máis outro no veciño barrio de Bouzas quedou no traslado de cartillas de ususarios de sanidade ó centro de saúde de Navia

Está pendente a apertura dun centro de Educación Infantil que consta de 50 prazas, o que é claramente insuficente para as necesidades do barrio. Aínda así, a súa apertura depende do visto bo da Xunta de Galicia, o que é pouco probable que suceda, xa que é unha obra municipal que poden retrasar ata despois das eleccións de maio.

Iso sí, na praza utilizada polos mozos e mozas para a práctica de deportes urbáns vai ser inaugurado un "punto de lectura", nome que se lle dá ás bibliotecas sen libros.

Ademáis dispoñemos dun pavillón deportivo cuio uso está vedado aos veciños, xa que está permanente utilizado por clubes deportivos alleos ao barrio. Utilízase para cumplir compromisos anteriores con outras entidades, o que pecha o seu uso aos nenos e nenas de Navia, chegando o caso de que as escolas deportivas teñen a metade das prazas reservadas a nenos e nenas que xa estiveran anos anteriores, polo que a constante afluencia de menores que veñen a vivir ao barrio teñen pechadas as súas portas.

A próxima apertura do macro centro deportivo de xestión privada "Máis que auga" vai supor que das dez pistas deportivas só serán de uso público dous, precisamente as únicas que irán sen cubrir.

É de destacar que mesmo a igrexa catolica dispón de terreos no barrio sen utilizar, como o salón parroquial, os garaxes da nova igrexa, as vivendas do asilo de sacerdotes, etc. O día da súa apertura asistiron á misa as altas institucións da provincia de Pontevedra, dende o alcalde ata o presidente da Deputación.

Actualmente, estanse a construir, por parte da Deputación, un centro para discapacitados e, por parte do Concello, o antedito punto de lectura. Ningunha destas obras, sendo moi positivas, foi anunciada nin moito menos consesuada cos veciños e veciñas do barrio. Lóxico, posto que existen outras máis urxentes que son sistemáticamente ignoradas polas Institucións.

O barrio de Navia a día de hoxe é o lugar onde abrir e estrear obras sen criterio nin conciencia das necesidades reais do barrio. Fronte ás vindeiras eleccións presumirase delas nos medios, pero non satisfán criterios obxectivos e inaprazables do barrio.

Por outra banda, o deficente deseño urbanístico, obra do celebrado conselleiro de infraestructuras Xose Cuina e desenvolvido polo actual presidente da Xunta na súa etapa de conselleiro, Alberto Nuñez Feijoo, non inclúe saídas peonís accesibles para nenos, carriños de crianzas e personas anciás ou discapacitadas. Se a esto sumámoslle que as autoridades da Xunta de Galicia, neste caso a delegada Maria Jose Bravo Bosch, négase a recibir aos veciños, nin facilitar a relación co Ministerio de Fomento, dono da circunvalación que pecha o barrio, deixa un panorama sen máis alternativas que a movilidade por medio do vehículo privado. Sería un paso adiante un feito tan sinxelo como pintalas liñas do asfalto da autovía para facilitalo tráfico de entrada e saída ao barrio, pero nin este feito poden garantir as autoridades.

Ademáis, temos sido acosados pola retirada das axudas para o pago das hipotecas das vivendas de protección e ás que os veciños teñen dereito, obrigándonos a entrar en xuizos e recursos bastantes costosos ao enfrontarnos á Administración. Isto supón un coste mensual de entre 50 e 250 euros (dependendo do caso), en plena época de rebaixa de soldos, aumento do desemprego, subida de costes de subsistencia, como a luz ou a auga, de retirada de axudas para garderías, compra de libros de texto, medicamentos, comedor, etc.

A ausencia dun local social, dunha biblioteca ou simplemente dun parque infantil digno e suficente para o número de nenos e nenas do barrio, de espacios de ocio ou deportivos accesibles, sumados á importante repercusión da crise nos traballadores e traballadoras do barrio (o 98% dos seus habitantes) lévannos a unha problemática moi semellante á vivida nesta cidade nos anos oitenta en barrios veciños, como Coia.

Demográficamente o barrio de Navia é gabado con orgullo polas institucións como o máis novo de Galicia, sen considerar que esta mesma mocidade, tan celebrada, non resposta aos seus intereses, empeñándose día a día en crecer e variar nas súas necesidades. O que hoxe é unha necesidade evidente, é igual de evidente que dentro de seis ou sete anos vai variar, posto que falamos dunha poboación de máis de 1.600 menores de idade abandoados á súa sorte polas institucións.

 

Somos o barrio máis novo do Estado

e temos máis poboación que o 80% dos concellos de Galicia

 
 
Blog Onde atoparnos
 

Rúa Teixugueiras 11, oficina 9B. 36212 Vigo (Pontevedra—Galicia) Telf.: 688 936 213

Aviso legal Política de confidencialidade Condicións de utilización